Les mosques d’octubre
Gabriel Ferrater, «Les mosques d’octubre», Les dones i els dies, Barcelona, Edicions 62 («MOLC», 21), 1979, p. 143; Les dones i els dies, edició definitiva, Barcelona, Edicions 62 («la butxaca»), 2017, p. 187; Les dones i els dies, edició crítica de Jordi Cornudella, Barcelona, Edicions 62, 2018, p. 193.
Achámonos perante un poema de certa complexidade no engarce entre abstracción e concreción, ou entre a idea e a forma, por mantermos a terminoloxía que Gabriel Ferrater empregou nalgúns textos reflexivos e de autoanálise centrada nos procedementos e procesos máis habituais da súa escrita poética. Esa complexidade maniféstase asemade entre o que se postula –quen lea o poema terá dificultades para determinar con seguridade cal é exactamente o asunto central do poema– e a anécdota que outorga materialidade concreta á referencia introducida, esa longa praia contemplada e paseada nun outono que equivale a todos os outonos, mais tamén á totalidade do pensado e sentido neses paseos e durante esa contemplación repetida do areal e do mar, unha sorte de nobelo no que se anoasen pasos e lembranzas, sensacións actuais con outras tatuadas na pel, ou nese «cor de mal drenatge» (v. 8).
O poema «Les mosques d’octubre» déixase ler, con certeza. En particular, porque nel se recoñecen xestos, anuncios e xuízos presentes noutros lugares da obra poética do autor. Porén, desde o seu último verso o texto parece reenviar a quen le de novo ao comezo, en bucle, como para o instar á procura de maior seguridade e confianza en que nada relevante se lle perdeu no camiño dunha enunciación que flúe con interrupcións, unha delas –«I si una dona amaga…», v. 18-27– bastante extensa, mesmo labiríntica no uso dos condicionais. Talvez tamén como para cuestionar que sexa sinxela a tarefa de comunicar calquera consideración que teña a ver co tempo e coas súas recorrencias e escintileos, cos hábitos asociados á sucesión das estacións ou a estados de ánimo. Eis eses ritmos sometidos a arestas, parénteses, baleiros, ecos; con oracións nas que estruturas catafóricas retrasan a comprensión efectiva do lido: «Vius només ells, negres / coàguls del fervor que es recull a migdia, exultants / de no veure’s encara caducs, els records» (v. 10-12); ou, en fin, noutro plano, coa tarefa de enfiar as lembranzas no esquecemento –no poema «Aniversari», tamén de Les dones i les dies, alcúmase á memoria de «marmanyera» e «mentidera», e ao esquecemento de «drapaire mut» (v. 4 i 6).
O tempo flúe de xeito estraño neste poema, que establece unha dialéctica moi gráfica entre «els trens de nit» (v. 28), o seu ímpeto de máquinas resoltas, e un mar convulso mais a fin de contas estático e enviso, un mar equiparado de maneira inopinada a unha mula que recibise na pel a visita reiterada e implacábel dun tabán. Como en «Oci», «Ídols» e outros poemas deste mesmo libro, como no conxunto enteiro da produción poética de Ferrater, case todo o anterior anóase na evocación do encontro cunha muller, no poema anónima e sen características expresas. Tamén na consideración sobre a entidade e a consistencia do que chamamos vida, da reconciliación do suxeito poético con ela –a vida– a propósito do sexo, do encontro sexual e das calmas efémeras que no futuro serán lembradas por ambos. Sobre esa clase de unión fugaz menciónase no poema «Ídols» isto que segue, a propósito sempre da memoria que flúe entre o pasado e os días por vir: «no teníem records. Érem / el record que tenim ara. Érem / aquesta imatge. Els ídols de nosaltres, / per la submisa fe de després». (v. 6-9) A inconsistencia das identidades-imaxes, en puridade miraxes de si propias, refórzase nese abismo das formas verbais «Érem», soas no final de verso.
Nisto fica comprendida probabelmente a percepción do que sexa existir, perdurar baixo un nome que en teoría posuiría capacidade para ordenar e facer intelixíbel a experiencia, a de cada quen. Mais todo isto que se vén de suxerir impúgnase nalgunha medida desde a arquitectura enunciativa do poema «Les mosques d’octubre», orixinadora de desconcerto. Quen fala no poema? Quen irrompe e interrompe a exposición dos feitos nos versos entre parénteses? Certo, parece ser o propio suxeito enunciador, o mesmo que nos outros versos se dirixe a si propio en segunda persoa, como desdobrándose (faino por duplicado, apostrofándose, en dous versos á súa vez encaixados dentro do sector parentético máis amplo: «–tornaràs a dir-ne vida? No val més / que caigui un hivern?», v. 26-27). Se cadra sexa ese suxeito, mais desde outro tempo, desde outro prego da vida ou da experiencia, desde outro regreso da memoria. Ese suxeito que nos versos finais se referirá a si propio xa como «l’home» (v. 30), en terceira persoa. Un ser humano inmerso na vacilación a quen os trens da noite, con dirección nada incerta, ultrapasan.
Arturo Casas Vales
Professor (Universidad de Santiago)
Tornar al llistat d’Apadrina un poema